SE PODES, ASINA AQUÍ (A TRAVÉS DA PLATAFORMA CHANGE.ORG). A Rede do Rural (Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural) e as persoas e entidades asinantes desta demanda solicitamos a incorporación nos estudos universitarios galegos dirixidos á formación de mestras/mestres, profesoras/profesores, pedagogas/pedagogos e educadoras/educadores sociais, dunha formación específica relativa á educación en territorios rurais, que lles achegue a estas/estes futuros profesionais as competencias e os recursos necesarios para o axeitado desenvolvemento do seu labor en contornos rurais.
A nosa petición apóiase nos seguintes argumentos: 1) A escasa ou nula presenza que este tipo de formación ten, en xeral, nos actuais plans de estudos das ciencias da educación das universidades galegas. 2) Noutras universidades españolas o alumnado dos estudos de grao de mestra/mestre xa reciben este tipo de formación, promovida por profesorado das Facultades de Educación. No caso de Cataluña, por exemplo, o Grup Interuniversitari d´Educació Rural (GIER) ten entre os seus obxectivos precisamente avanzar na inclusión da educación rural na formación inicial dos estudos universitarios de educación (ver a súa actividade aquí). 3) Existe coñecemento suficiente sobre a necesidade e as características que debe ofrecer unha formación específica do profesorado que teña en consideración o contorno rural. Recentemente, o proxecto FOPROMAR sobre “la formación profesional y las competencias del maestro rural como dinamizador de la dimensión territorial de la escuela rural” identificou as competencias necesarias e elaborou distintas propostas para a formación inicial do profesorado de educación infantil e primaria (ver informe final do proxecto) . 4) A acción docente que as e os profesionais da educación dispensan en contextos rurais, se quere ser verdadeiramente pedagóxica, ha de estar ligada directamente ao contexto no que se desenvolve, de tal xeito que posibilite unha educación de calidade, crítica e transformadora, que impida o desarraigo do alumnado dos seus inmediatos referentes familiares, lingüísticos e socioculturais, e que contribúa a fixar poboación no medio rural. 5) A delicada situación na que arestora se atopa o ensino rural galego precisa de docentes cunha alta capacitación profesional, competentes tanto para satisfacer as necesidades da comunidade educativa rural como para responder adecuadamente os retos da sociedade global do século XXI, é dicir, favorecedores dunha educación cos pés ben ancorados no territorio pero coa vista alzada para mirar todo o planeta. 6) Nun informe da ONU de maio de 2021 titulado “Reconsiderando o desenvolvemento rural” reclámase aos responsables políticos que aseguren que as e os residentes de zonas rurais poidan aproveitar as novas oportunidades deste tempo para mellorar a produtividade e a calidade de vida no medio rural. O informe garda relación co Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable nº 4 da Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sustentable (“Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos”), ademais de estar totalmente aliñado coa meta 4.7 do mesmo obxectivo, a cal indica que cómpre “de aquí a 2030, asegurar que todos os alumnos adquiran os coñecementos teóricos e prácticos precisos para promover o desenvolvemento sustentable, entre outras cousas mediante a educación para o desenvolvemento sustentable e os estilos de vida sustentables”. As/os abaixo asinantes consideramos que non pode existir desenvolvemento sustentable sen un rural vivo, nin tampouco un rural vivo sen educadoras/educadores formados para educar neste tipo de territorios. 7) Un dos obxectivos xerais da Lei 45/2007, de 13 de decembro, para o desenvolvemento sostible do medio rural é “Potenciar a prestación duns servizos públicos básicos de calidade, acaídos ás características específicas do medio rural, en particular nos ámbitos da educación, a sanidade e a seguridade cidadá”. Polo tanto, no relativo á educación, resulta indispensable unha formación inicial específica de profesorado e educadores/as sociais para desenvolver accións de calidade na realidade socioeducativa dos territorios rurais, en valiosos contextos da cultura comunitaria e nun territorio -inserido nun vizoso medio natural- do cal depende toda a sociedade. A calidade dos servizos ecosistémicos que proporciona o rural tamén garda relación directa coa calidade dunha educación ao servizo dun rural cun desenvolvemento sustentable integral que se asente nos valores da cultura rural galega, para beneficiarse máis plenamente dos novos coñecementos que achega a ciencia a cada paso. 8) A LOMLOE recolle a especificidade da educación no medio rural e indica, literalmente: · Artigo 82.1. “As administracións educativas prestarán especial atención aos centros educativos no ámbito rural, considerando as peculiaridades do seu contorno educativo e a necesidade de favorecer a permanencia no sistema educativo do alumnado das zonas rurais máis aló do ensino básico. A tal efecto, as administracións educativas terán en conta o carácter específico da escola rural proporcionándolle os medios e sistemas organizativos necesarios para atender as súas necesidades particulares e garantir a igualdade de oportunidades.” · Artigo 82.5. “As administracións educativas facilitarán a dotación dos centros do ámbito rural con recursos humanos suficientes e fomentarán a formación específica do profesorado das zonas rurais, favorecendo a súa vinculación e identificación cos proxectos educativos do centro. Así mesmo, dotarán a escola rural de materiais de aprendizaxe e de recursos educativos en Internet. Doutra banda impulsarase a realización de prácticas nos centros educativos do medio rural por parte de estudantes universitarios e de formación profesional.” 9) Segundo o Instituto Galego de Estatística, cabe considerar polo menos o 82% do territorio galego como ámbito rural, contorno que se podería diferenciar en rural periurbano, rural agropecuario/litoral e rural de montaña. Esta realidade xeográfica explica que aínda a día de hoxe o número de centros educativos galegos das distintas etapas educativas que desenvolven a súa actividade en territorio rural (escolas pequenas con aulas multigrao, CRA, CEP, CEIP, CPI IES etc.) alcance un número de varios centos. Estas escolas están contribuíndo activamente á educación da poboación rural e ao tempo impedindo o éxodo demográfico a zonas máis densamente poboadas, encomiable labor que se debe apoiar social e institucionalmente desde varias frontes, pero tamén cunha formación inicial adecuada das e dos profesionais que nelas traballan. Polas razóns manifestadas solicítase pois dos decanatos dos centros universitarios galegos especializados en ciencias da educación que se tomen as medidas oportunas para a inmediata inclusión nos plans de estudo universitarios (cando menos dos graos de maxisterio, de pedagoxía, de educación social e do máster de profesorado de educación secundaria) dunha formación inicial específica e extensa relacionada coa educación en territorios rurais para estas/estes futuros profesionais da educación.
0 Comentarios
Deja una respuesta. |
REDEEste é un espazo para actualizar novas que teñen que ver co rural! Categories |