Galiza, a 30 de novembro de 2023.- Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, convoca novas mobilizacións de carácter provincial e comarcal, que terán lugar os días 9 e 10 de decembro. Os actos reivindicativos terán lugar en forma de concentracións, marchas e andainas, nas seguintes localizacións: Amil (Moraña), na provincia de Pontevedra; en Vilar de Barrio, na provincia de Ourense; Campo de Carlexo (Val do Dubra) e Ortigueira, na provincia da Coruña; e na capital lucense e A Fonsagrada, na provincia de Lugo. Agás no caso da Fonsagrada, todas as demais mobilizacións celebraranse na mañá do domingo, día 10 de decembro.
O lema empregado nesta ocasión para os actos reivindicativos será: “Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores”, co propósito de ensalzar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos. O pobo, empoderado na defensa do territorio Esta é a terceira edición na que a Coordinadora Eólica Así Non aproveita o Día Mundial das Montañas para apelar ás administracións públicas a defender os valores e recursos naturais comúns dos montes galegos fronte á depredación eólica. Porén, hai tempo que os gobernos da Xunta e do Estado veñen demostrando un manifesto abandono da súa función pública como valedores do interese xeral no proceso de transición ecolóxica, para poñerse ao servizo do lobby enerxético. Aos decretos de guerra do Estado español, que eliminan a avaliación ambiental da tramitación das autorizacións de renovábeis, súmanse agora as novas iniciativas lexislativas de excepción da Xunta de Galiza que declaran a prevaleza dos proxectos eólicos sobre calquera outra actividade no territorio, e que destinan inxentes recursos públicos a sociedades público-privadas explotadoras de recursos naturais, nas que a Xunta está en minoría. Estas recentes disposicións normativas de carácter extraordinario e antidemocrático constatan unha vez máis a verdadeira intención de quen nos goberna: entregar o noso país ao capital privado e favorecer os seus intereses especulativos. Ao tempo, tanto Xunta como Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a protección de zonas húmidas, ademais de insistir, baixo o manido pretexto da simplificación administrativa, no recorte da capacidade de intervención das organizacións sociais e das comunidades afectadas nos procedementos administrativos de planificación e autorización dos proxectos. Por se fose pouco, o Executivo galego e a patronal eólica, contrariados polas recentes sentenzas anulatorias e paralizacións cautelares de proxectos eólicos ilegais, están a protagonizar nos últimos meses unha vergoñenta campaña de descrédito e coacción contra o Tribunal Superior de Xustiza, na que se acusa sen contemplacións ao poder xudicial de facer política e de crear inseguridade xurídica. Tal servilismo e deixazón de funcións públicas por parte dos gobernos está alimentando a potestade do lobby enerxético para exercer con máis forza os seus abusos sobre as poboacións afectadas, obstruíndo o acceso á información, ocupando grandes superficies, expropiando terras sen previa negociaición, e fragmentando fraudulentamente os seus macroproxectos para saltarse as salvagardas legais en materia de protección ambiental e de participación pública. Este modelo intensivo e especulativo de implantación de enerxías renovábeis entrega o país enteiro a mans das grandes eléctricas e incapacita a sociedade galega para acadar un tránsito ordenado, equilibrado, ecolóxico e xusto cara a un territorio libre de combustíbeis fósiles. O tempo e os feitos veñen unha vez máis a darnos a razón, demostrando que son eles, os gobernos e especuladores, os que crean inseguridade xurídica, e somos nós, os galegos e galegas, as que estamos defendendo a nosa terra para termos un futuro. As montañas, de interese público de primeira orde As montañas son as nacentes do 80% dos ríos e regatos que abastecen de auga o noso territorio, regulan o clima, controlan a erosión do solo, crean paisaxe, outorgan alimento e outros recursos básicos, preservan a biodiversidade, captan CO2, acollen especies, endemismos, e hábitats protexidos, e constitúen o fogar secular de boa parte da poboación rural galega. Sen elas non sería posible a vida. Sen embargo, non gozan da consideración de “interese público superior” nin se fai prevalecer a súa preservación sobre os intereses privados do gran capital. Desde a Coordinadora “Eólica Así Non” mobilizámonos tamén no Día Mundial das Montañas para reclamar a súa consideración como ecosistemas de interese público de primeira orde, e como principais garantes de saúde, seguridade e futuro do pobo galego. Para máis información: Belén Rodríguez, Coordinadora Eólica Así Non: tfno 698139913.
0 Comentarios
Recoller e comprender é o que agora están a facer asociacións desa zona. O primeiro paso é recompilar vocabulario tradicional, palabras que se van perdendo ou que se empregan menos. O profesor Paco Veiga, que naceu na Órrea (Riotorto) e que ten ampla participación na vida social e cultural da comarca natal, lembra a normativización do galego como un proceso necesario pero con negativos efectos secundarios: «Perdéronse as falas locais», afirma.
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/riotorto/2023/11/25/span-langglas-palabras-merlin-familiaspan/00031700946175233909401.htm?fbclid=IwAR0sgaZSYYOoSnCABG_iqPcLYNog_qhznIa41YlmNGwfRGBmCn32l0ZpfSw Con alegría e orgullo anunciamos que o vindeiro venres 1 de decembro o edificio CERSIA acollerá a celebración dun evento conmemorativo do décimo aniversario da Confederación ANPAS Galegas.
O programa previsto para este evento, ao que se poderá asistir por invitación, é o seguinte: 18:00 h. PRESENTACIÓN, a cargo de Isabel Calvete, Fernando Lacaci e Javier Sánchez 18:30 h. VISUALIZACIÓN DO VIDEO 18:45 h. CHARLA: “A comunicación clave da convivencia na comunidade educativa”, impartida por Xosé Ramos Rodríguez e Mariló Candedo Gunturiz, pedagogos e membros de Nova Escola Galega. 19:30 h. REMATE DO ACTO E PETISCOS. Parece que foi onte, pero ANPAS Galegas xa leva unha década adicada a fortalecer e defender o ensino público. Esta é unha ocasión para recoñecer e agradecer a participación activa das familias na construción da nosa comunidade escolar. Sen o seu voluntariado e compromiso, non teriamos chegado a conseguir moitas das melloras destes últimos anos, ou ben o camiño para acadalas de seguro sería moito máis complexo. É este tamén un momento para salientar que contamos con folgos renovados, polo que ANPAS Galegas continuará loitando durante (agardamos) moitos anos máis, perseguindo o mesmo obxectivo dos comezos: garantir un ensino público de calidade para todas as crianzas. A nosa forza está na nosa unión! O 1 de decembro celebramos o X aniversario de ANPAS GALEGAS, dez anos de defensa dun ensino público de calidade, laico, inclusivo, igualitario e galego, nos que intentamos aportar sempre para que todas as nenas e nenos galegos tiveran un ensino de calidade e as mesmas oportunidades.
Pensamos que temos motivos suficientes para celebrar esta década de implicación de tanta xente, toda a que traballa a prol dunha sociedade mellor, neste caso dende o ensino público, por iso gustaríanos contar coa vosa presenza. O acto terá lugar en Santiago, na sede do CERSIA (Rúa do Alcalde Raimundo López Prol, s/n - https://maps.app.goo.gl/Z1abTS2NtoMcFEt79) ) a partires das 18:00 co seguinte programa: · Presentación a cargo de Isabel Calvete (Presidenta Confederación ANPAS Galegas) e Fernando Lacaci (ex-Presidente Confederación ANPAS Galegas) · Visualización do Vídeo conmemorativo · Charla (por determinar) · Remate do acto e petiscos Rogámoslle que confirme a súa asistencia cubrindo o seguinte formulario, con data límite o 25 de novembro https://forms.gle/5zJaGMEQPgzAJr6v8 Isabel Calvete - Presidenta Confederación ANPAS Galegas Lorena Dapena - Vicepresidenta Confederación ANPAS Galegas Visitan a eurocidade Tui-Valença para coñecer de cerca as boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) e a creación do Centro do Patrimonio no edificio da alfándega de Valença do Minho. O Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo conduciu a sesión dentro das aulas do Master e realizou a visita ao Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho de Valença e a Alfándega. No marco do Master de Formación do Profesorado
PONTE…NAS ONDAS! PRESENTA O SEU MODELO DE BOAS PRÁCTICAS AOS FUTUROS PROFESORES Visitan a eurocidade Tui-Valença para coñecer de cerca as boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) e a creación do Centro do Patrimonio no edificio da alfándega de Valença do Minho. O Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo conduciu a sesión dentro das aulas do Master e realizou a visita ao Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho de Valença e a Alfándega. Xosé Manuel Cid destacou que a recente inscrición do “modelo” Ponte…nas ondas!” como boas prácticas co PCI supón o primiero recoñecemento para Galicia e para Portugal neste rexistro da UNESCO. Supón un aval a unha iniciativa transfronteiriza que renovou e innovou o ámbito educativo e cultural galego-portugués mediante a integración do patrimonio inmaterial na práctica educativa como unha experiencia de comunicación a través da radio e das tecnoloxías da comunicación. No decurso do acto o presidente da Câmara Municipal, José Manuel Carpinteira agradeceu á Universidade de Vigo o interese en coñecer de cerca o proxecto de Ponte…nas ondas! e a creación no novo Centro do Patrimonio. Un centro que será referente para o PCI galego-portugués e que vai servir para dar a coñecer o patrimonio común que galegos e portugueses compartimos e ao mesmo tempo ser un punto de encontro para iniciativas culturais conxuntas. Destacou que Ponte…nas ondas! vai ter un espazo expositivo para dar a coñecer o seu traballo e tamén será un espazo para os centros educativos dos dous lados da fronteira para que poidan desenvolver actividades conxuntas. José Font director da Radio Municipal de Tui, colaboradora habitual de Ponte…nas ondas! manifestou que a creación dun laboratorio de radio para as escolas e dun espazo propio para as súas actividades dará pé a que novas iniciativas relacionadas co PCI sexan desenvolvidas coa colaboración da súa emisora. Font expresou que a “ponte” polas ondas terá unha nova canle para os programas que se realicen desde o Centro do Patrimonio. Pancho Álvarez, músico e veciño de Tui, agradeceu a Ponte…nas ondas! por ter tido a iniciativa de crear un centro de referencia para o patrimonio inmaterial pois é algo que nos identifica a galegos e portugueses no mundo. Que exista un centro que se preocupe e dinamice actividades arredor deste patrimonio é algo que vai contar coa axuda e colaboración de moitas persoas e asociacións dunha e doutra beira da fronteira. Pancho interpretou algúns temas do repertorio tradicional de transmisióno oral como as de Florencio, o cego dos Vilares, de quen está elaborando unha peza documental. A continuación, a comitiva de 130 profesores trasladáronse ao auditorio do Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho para asistir á presentación do “modelo Ponte…nas ondas!” e das boas prácticas. Santiago Veloso, coordinador, explicou o labor desenvolvido por Ponte…nas ondas! ao longo destes 28 anos. Proxectou algúns vídeos de diversas actividades, mostrou as publicacións de Ponte…nas ondas! como Meniños Cantores, Cores do Atlántico ou Na ponte e eventos realizados, entre eles, o que fixeron o pasado sábado 28 no Museo Nacional de Antropología de Madrid. Rubén Figueroa, profesor do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas comentou a súa experiencia como alumno que participou en Ponte…nas ondas! nos seus anos de estudante e tamén falou do funcionamento da radio escolar no seu centro. As alumnas Alejandra Fernández, Ainhoa Sousa e Lúa Martínez do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas contaron a súa experiencia na radio do instituto e os traballos que se realizan. Tamén comentaron a súa experiencia no Museo Nacional de Antropología de Madrid como locutoras e conductoras do programa no que participaron tamén alumnado de primaria do CEIP A Ramallosa de Teo. PONTE…NAS ONDAS! A renovación pedagóxica no Master do Profesorado Desde hai varios anos, a experiencia de Ponte…nas ondas! móstrase aos graduados da Universidade de Vigo que cursan o Master de formación do profesorado, impartíndose sesións sobre a aplicación didáctica de Ponte…nas ondas! nas aulas como unha metodoloxía transversal ás diversas áreas do currículo formativo do alumnado. A experiencia tense dado a coñecer a todos os participantes deste mestrado, durante os últimos anos nos distintos grupos que se forman no campus de Vigo, organizados por especialidades: Ciencias e Tecnoloxías, Formación profesional, FOL e Servizos á Comunidade, Linguas estranxeiras e Linguas oficiais. Ponte…nas ondas! vén desenvolvendo unha fórmula integradora e novidosa no ámbito da alfabetización multimedia desde hai máis de dúas décadas. Desde as primeiras actividades de radio escolar nos anos 90 até a actualidade dos podcasts e os vídeos por Whatsapp, diversas foron as experiencias realizadas nos centros educativos. O empoderamento do alumnado diante dos micrófonos contribúe a desenvolver as competencias básicas e a mellorar a súa formación integral. O traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués é un dos labores que as escolas desenvolven impulsados por diferentes iniciativas lanzadas desde Ponte…nas ondas! como os Certames de recolla ou os concursos sobre as imaxes do patrimonio, entre outras. A experiencia ten acaparado o interese dos futuros profesores das diferentes especialidades do ensino secundario, interese que se amosa na elección dos traballos de avaliación do módulo de Sistema Educativo e Educación en Valores. Ante a posibilidade de elixir entre tres posibles lecturas, a maioría elixe o traballo relativo a Ponte…nas ondas! e a posta en valor da cultura popular e o patrimonio, realizando comentarios orixinais e moi reflexivos con achegas interesantes para o futuro do proxecto. IMAXES Alumnado no Master https://www.flickr.com/photos/32237694@N07/albums/72157675365266278 Programa realizado no Museo Nacional de Antropología de Madrid https://drive.google.com/drive/folders/1DHeDOfts2CQbsCZ6DHMiWH9gKNw8-hLa?usp=sharing Tres décadas de traballo en prol do patrimonio A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación. En decembro de 2022 Ponte...nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia. • Info: www.pontenasondas.org • www.opatrimonio.org • www.escolasnasondas.com • www.meninoscantores.com Máis información: 00 34 615 02 98 40 (Santiago Veloso) 00 34 635 49 99 00 (Xerardo Feijoo) |
REDEEste é un espazo para actualizar novas que teñen que ver co rural! Categories |