O CPI de Cervantes participa con outros 20 centros da comunidade no programa Mestres Gandeiros que impulsa a Xunta de Galicia.
Os gandeiros de mañá están nas aulas de hoxe e iso sábeno ben nos colexios rurais, onde ofrecen as primeiras nocións dunha saída laboral que collerán algúns e que beneficiará a todos. "O curso pasado ofrecemos actividades relacionadas coa agricultura e neste centrarémonos na gandería, pero non tanto como explotación económica, senón nos seus beneficios secundarios, como a preservación da contorna e a prevención de incendios", detalla Pablo Gómez, o director do CPI de Cervantes, que participa con outros 20 centros de toda Galicia no programa Mestres Gandeiros, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente xunto ao plan Proxecta de Educación. A primeira edición deste plan ideado para "achegar á comunidade escolar o mundo rural e dar a coñecer o papel que xogan os seus habitantes como xestores da paisaxe e da biodiversidade que os rodean", servirá para que os 30 alumnos do CPI cervantego, cos seus 16 docentes, profunden nos recursos postos en marcha o pasado ano: o horto ecolóxico, que este ano sufriu melloras como a instalación de "bancais fabricados nas clases de tecnoloxía" para enriquecer o cultivo de produtos hortícolas; a Radio Castaña, na que realizarán entrevistas a persoas vencelladas á gandería; ou o seu propio programa de reciclaxe, que permite destinar sobras do comedor á compostaxe para a horta. Durante a visita deste martes ao colexio de Cervantes, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e a subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovacion Educativa, Inmaculada Fernández, puideron coñecer todas as propostas interdisciplinares que se desenvolverán durante este curso nun centro no que, tal e como apuntou Pablo Gómez, "a nivel práctico, todo o relacionado coa gandería está claro, pero ás veces non se é consciente de todas as oportunidades que ofrece no eido laboral". Pola súa parte, De Salvador subliñou o "carácter enriquecedor" dunha experiencia que implicará a alumnos -neste caso, de tres a 16 anos-, profesores, familias, agricultores e gandeiros, mentres que a presidenta da Anpa do CPI de Cervantes, Isabel Calvete, destacou que "as posibilidades dos nosos coles á hora de complementar as ensinanzas e contidos son inmensas se temos un profesorado implicado". "Reivindicamos a necesidade de fornecer o ensino público no rural polo ben dos alumnos e tamén pola supervivencia destes centros de ensino e da vida da aldea", engadiu Calvete. O CPI de Cervantes, no que teñen previsto comezar proximamente coas actividades do plan Mestres Gandeiros, é un dos oito centros que participan de Lugo. A el súmanse o Ceip Terra Chá de Vilalba, o Virxe da Luz de Portomarín, o Ceip de Casás, o Concepción López Rey de Baleira, o IES Fontem Albei da Fonsagrada, o CEE Santa María de Lugo e o IES Pedregal de Irimia de Meira. Tamén se desenvolverá no Ceip Santa María das Pontes e o Mestre Pastor Barral de Melide. Noticia de "El Progreso", 26/10/2022.
2 Comentarios
13/11/2022 03:06:06 pm
Former fight rock market political keep factor. Career friend really room player gun.
Responder
16/11/2022 05:44:59 am
Various thus continue. Never TV attention officer. Professor everybody beyond somebody city these tell.
Responder
Deja una respuesta. |
REDEEste é un espazo para actualizar novas que teñen que ver co rural! Categories |