Visitan a eurocidade Tui-Valença para coñecer de cerca as boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) e a creación do Centro do Patrimonio no edificio da alfándega de Valença do Minho. O Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo conduciu a sesión dentro das aulas do Master e realizou a visita ao Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho de Valença e a Alfándega. No marco do Master de Formación do Profesorado
PONTE…NAS ONDAS! PRESENTA O SEU MODELO DE BOAS PRÁCTICAS AOS FUTUROS PROFESORES Visitan a eurocidade Tui-Valença para coñecer de cerca as boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) e a creación do Centro do Patrimonio no edificio da alfándega de Valença do Minho. O Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo conduciu a sesión dentro das aulas do Master e realizou a visita ao Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho de Valença e a Alfándega. Xosé Manuel Cid destacou que a recente inscrición do “modelo” Ponte…nas ondas!” como boas prácticas co PCI supón o primiero recoñecemento para Galicia e para Portugal neste rexistro da UNESCO. Supón un aval a unha iniciativa transfronteiriza que renovou e innovou o ámbito educativo e cultural galego-portugués mediante a integración do patrimonio inmaterial na práctica educativa como unha experiencia de comunicación a través da radio e das tecnoloxías da comunicación. No decurso do acto o presidente da Câmara Municipal, José Manuel Carpinteira agradeceu á Universidade de Vigo o interese en coñecer de cerca o proxecto de Ponte…nas ondas! e a creación no novo Centro do Patrimonio. Un centro que será referente para o PCI galego-portugués e que vai servir para dar a coñecer o patrimonio común que galegos e portugueses compartimos e ao mesmo tempo ser un punto de encontro para iniciativas culturais conxuntas. Destacou que Ponte…nas ondas! vai ter un espazo expositivo para dar a coñecer o seu traballo e tamén será un espazo para os centros educativos dos dous lados da fronteira para que poidan desenvolver actividades conxuntas. José Font director da Radio Municipal de Tui, colaboradora habitual de Ponte…nas ondas! manifestou que a creación dun laboratorio de radio para as escolas e dun espazo propio para as súas actividades dará pé a que novas iniciativas relacionadas co PCI sexan desenvolvidas coa colaboración da súa emisora. Font expresou que a “ponte” polas ondas terá unha nova canle para os programas que se realicen desde o Centro do Patrimonio. Pancho Álvarez, músico e veciño de Tui, agradeceu a Ponte…nas ondas! por ter tido a iniciativa de crear un centro de referencia para o patrimonio inmaterial pois é algo que nos identifica a galegos e portugueses no mundo. Que exista un centro que se preocupe e dinamice actividades arredor deste patrimonio é algo que vai contar coa axuda e colaboración de moitas persoas e asociacións dunha e doutra beira da fronteira. Pancho interpretou algúns temas do repertorio tradicional de transmisióno oral como as de Florencio, o cego dos Vilares, de quen está elaborando unha peza documental. A continuación, a comitiva de 130 profesores trasladáronse ao auditorio do Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho para asistir á presentación do “modelo Ponte…nas ondas!” e das boas prácticas. Santiago Veloso, coordinador, explicou o labor desenvolvido por Ponte…nas ondas! ao longo destes 28 anos. Proxectou algúns vídeos de diversas actividades, mostrou as publicacións de Ponte…nas ondas! como Meniños Cantores, Cores do Atlántico ou Na ponte e eventos realizados, entre eles, o que fixeron o pasado sábado 28 no Museo Nacional de Antropología de Madrid. Rubén Figueroa, profesor do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas comentou a súa experiencia como alumno que participou en Ponte…nas ondas! nos seus anos de estudante e tamén falou do funcionamento da radio escolar no seu centro. As alumnas Alejandra Fernández, Ainhoa Sousa e Lúa Martínez do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas contaron a súa experiencia na radio do instituto e os traballos que se realizan. Tamén comentaron a súa experiencia no Museo Nacional de Antropología de Madrid como locutoras e conductoras do programa no que participaron tamén alumnado de primaria do CEIP A Ramallosa de Teo. PONTE…NAS ONDAS! A renovación pedagóxica no Master do Profesorado Desde hai varios anos, a experiencia de Ponte…nas ondas! móstrase aos graduados da Universidade de Vigo que cursan o Master de formación do profesorado, impartíndose sesións sobre a aplicación didáctica de Ponte…nas ondas! nas aulas como unha metodoloxía transversal ás diversas áreas do currículo formativo do alumnado. A experiencia tense dado a coñecer a todos os participantes deste mestrado, durante os últimos anos nos distintos grupos que se forman no campus de Vigo, organizados por especialidades: Ciencias e Tecnoloxías, Formación profesional, FOL e Servizos á Comunidade, Linguas estranxeiras e Linguas oficiais. Ponte…nas ondas! vén desenvolvendo unha fórmula integradora e novidosa no ámbito da alfabetización multimedia desde hai máis de dúas décadas. Desde as primeiras actividades de radio escolar nos anos 90 até a actualidade dos podcasts e os vídeos por Whatsapp, diversas foron as experiencias realizadas nos centros educativos. O empoderamento do alumnado diante dos micrófonos contribúe a desenvolver as competencias básicas e a mellorar a súa formación integral. O traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués é un dos labores que as escolas desenvolven impulsados por diferentes iniciativas lanzadas desde Ponte…nas ondas! como os Certames de recolla ou os concursos sobre as imaxes do patrimonio, entre outras. A experiencia ten acaparado o interese dos futuros profesores das diferentes especialidades do ensino secundario, interese que se amosa na elección dos traballos de avaliación do módulo de Sistema Educativo e Educación en Valores. Ante a posibilidade de elixir entre tres posibles lecturas, a maioría elixe o traballo relativo a Ponte…nas ondas! e a posta en valor da cultura popular e o patrimonio, realizando comentarios orixinais e moi reflexivos con achegas interesantes para o futuro do proxecto. IMAXES Alumnado no Master https://www.flickr.com/photos/32237694@N07/albums/72157675365266278 Programa realizado no Museo Nacional de Antropología de Madrid https://drive.google.com/drive/folders/1DHeDOfts2CQbsCZ6DHMiWH9gKNw8-hLa?usp=sharing Tres décadas de traballo en prol do patrimonio A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación. En decembro de 2022 Ponte...nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia. • Info: www.pontenasondas.org • www.opatrimonio.org • www.escolasnasondas.com • www.meninoscantores.com Máis información: 00 34 615 02 98 40 (Santiago Veloso) 00 34 635 49 99 00 (Xerardo Feijoo)
0 Comentarios
Deja una respuesta. |
REDEEste é un espazo para actualizar novas que teñen que ver co rural! Categories |